retrato do amado





oooooooooooouuuuuuuggggghhhhhh!!!!!!



nariz nada grave

ollo ovo frixido
con pestanas tamén frixidas
de máis

beizos chourizo decadente, escuálido e mentireiro

queixo curado ao fume de cigarros

mans amadas e armadas de ondas de ola e adeus
mans algas retendo auga con ecuacións de sede

pelos puga tanto me ten

brazo de obra barata
grande similitude cos raxos do polbo oooooooo

pé pequeniño comequilómetros
taxímetro gratuíto
alado cos mostachos postizos 
arrebatados a un señor
un día de rebaixas



aí vou!

cap. 1

Un avión espía
sobrevoa a situación
subliñando os índices de probabilidade
menos significativos
e
cando dá co campo semántico das estrelas
non dá creto
hainas vermellas
amarelas
azuis
hainas xigantes
extintas
ananas
esquecedizas
reincidentes
irrecuperables
de atar
para dar e tomar


de súpeto
actívase unha luz vermella
nos aparellos de control
que vén a significar
' pola sombra'




cap2


fóra de coordenadas
amerizo nun océano
de estrelas afogadas no trebón


a pesca hoxe é de altura
e as formigas deploran
a luz botada a perder
de tanta farola escuálida




cap3


raño a cachola
para tentar entender
e só dou con palabras parásitos
vocablos con patas engruñadas
a chuchárenme o sangue mental


procedo a unha desparasitación
controlada
para non intoxicarme


abro o dicionario
quedou en branco


ben, agora podo empezar
a escribir de novo
o que me pete
en caída libre




no forro do cosmos






dietas 1





deduzo polo aspecto dos espectros
que as mapoulas azuis da área central
murcharon de vergoña allea
nos prados enfastiados do verán

vivir cansa
andar fatiga
durmir máis tempo do necesario
non é posible

nacemos hipotecados
a un horario programado
pola industria e a bioloxía

só nos queda
levemente esquecidos
soñar
no ciclo incesante
das estacións
que estamos vivos
milagrosamente
fóra dos guetos
no centro
dunha estampida
de búfalos
de cotidianeidade
perseguidos
por un tigre
pintado con trazos
de feroz 
espontaneidade


todo no seu sitio







lección de física que?







UAN: facer oídos xordos ás fórmulas do odio


CHU: volverse xordo e mudo aos inventos para a liberación da sandez sometida a regras


ZRI: incrementarlle un cero interno ás técnicas desactivadoras do espanto


FOR: Volverse incógnita a non ser despexada nas ecuacións do medo


FAIF: Mesturar os teoremas con cenoria relada


SIKS: Fumar un por un
con moito pormenor
os fíiiiiiiios transparentes
que tecen cada hora


SEFEN:  Con minuciosidade
vivir cada momento
como o que sempre é
a esfera facetada do agora


AICH: Non dicir nunca "nunca"
porque nunca se sabe


NOEN: Deducir das dietas recriminatorias
a grande tiranía
que cada quen
exerce sobre si mesmo


TEN: Ter sempre presente
que cando che din " euquérote"
só é ese momento.


adeus díselle aos mortos, e non lles chista nada.

mandalas





ladaíña sen por que

que os teus ollares múltiples e líquidos
enchan
nas longas beirarrúas
do meu canto
as pozas
onde acoden a beber
cans famélicos
os últimos rastros reincidentes

da lúa gorda
fuxida
polos canos
da estación
das                  follas                         mortas

agardo que haxa alguén




A letre desta canción non é nada do outro mundo
o espeluznante é a maneira en que está interpretada
o tempo agónico
que adquiren algunhas vogais
nesta voz
chea de ..... incertidumes


a primeira vez que a oín
foi nun documental
sobre os nenos que son adestrados
coa máxima naturalidade
no uso de armas
nos EEUU
como un pasatempo
caro de familias adiñeiradas
na norteamérica profunda


creo recordar
que chorei
por aqueles nenos
vestidos con chalecos antibalas
e coas orelliñas tapadas
con cascos
antirruído




eu, á súa idade,
aprendía pola miña conta
a facer masa
para empanadas
e a pintar
e a usar
a chave inglesa
e as ferramentas que había na casa
e a facerlle roupa
a miña boneca





barquiños








PAISAXE SONORA

un barómetro durmido
asegura o serán
óese un tren que pasa
pola vía de arriba
un bruído breve e verde
de pequenas aves transparentes
fura con lunares o ar
eu reteño o seu niño sonoro
na palma da miñas
mans redondas e baleiras
ladra sen gana un can de plastilina lila
moída
pasa un camión anano arrastrando como pode
a súa carga de desolación
un par de lamagueiros vellos
teclan o seu clic clic amarelo de follas secas
para facer unha última chamada local
un paporroibo colle o aparello acústico
e contesta pousado nun acivro cercano
o mar é un prato metálico
sacudido por un mínimo tremor
a humidade fai ecos silenciosos
en cada póla caída do sol
os liques dormen un soño esquecido
esmaltado en ouro vello
as pedras enchoupadas polo último trebón
exudan pequenas nubes visibles
só para os poros amplificados
o céo bota un berro laranxa.rosáceo
amortiguado polos claxons grises da estrada
cobregante e sen límites
podo ver o rosmar do humus fumegante
incubando a herba nova
miles de regatos minúsculos
labraron caneiros descoñecidos
non sei o que pensarán os insectos
ao respecto
pero as vellas raíces choran de alegría
por fin esta gasa máxica e familiar
me venda os ollos
para que poida abrilos cara adentro
e tan ao fondo
que me sinto
marabillosamente perdida
no túnel negro da noite
con todos os seus gatos traslúcidos
pechándome a porta
e sentando ao meu carón
para murmurarme moi baixo
os seus pensamentos
espidos




esquivouse un ollar





unha fonda tristura
de caída sen estrondo
cobre desde onte
as paredes 
do meu cuarto
desexaría
non ter sabido 
nunca
por que





ondas de negatividade
impactan nos máis lonxanos radares
do desespero
probo a  desconectalas
cos máxicos raios roubados da lúa
e coa tolería
das follas tolas por todas partes
a voaren en circos
propulsadas polos motores eólicos do vento
que anda a xogar con elas
facéndolles crer por un momento
que son ás vagabundas de paxaros
migratorios

con plumas do paraíso
desfago o meigallo
e a beleza volve xogar a agocharse
en cada poro perdido
do labirinto das ausencias
mentireiras
de
titiriteiros tráxicos





Julio Cortazar un diálogo interno

farolas



que un conxunto impreciso
de caracois de colores
deixen rastros de babas verdes
matizadas pola palidez da lúa
na beirarrúa deste momento
a abalar indeciso
ao sol líquido
de noitembro

ou

que toda a noite
a lúa xogue
ás agachadas
co vento

non impedirá
que se abran sucos no céo
para imprimir
as miñas pegadas dixitais
no firmamento

nin
que as nubes pinten
ideogramas brancos
no pano negro
da noite
con tinta
lunar

area por zonas

os meus dedos premen solpores
no oco onde debía
haber un ascensor
unha camisola rachada
marcha en picado
propulsada por un vento toleirón
a garrafa de aceite
prende lume con salitre
no suavizante antiarrugas do
telón de aceiro
unha cuadrícula
énchese
con ecuacións deformes
de masa informe
a control remoto

as pedras abren furados
cósmicos á erosión

todo serán é area
cunchas esmigalladas
iso é
guais ou non
o que vai quedar
de nós

hai que preparar as nasas
para a captura
de incógnitas
na negra desbandada
das estrelas

a lúa enche os escaparates
de falsas ilusións
en clave de disparate
choven expectativas
expectorantes
no muro
das grandes promocións
a zona euro
énchese de cravos
para apontoar
o cadaleito do céo

óense as marteladas da clausura
o sol enfermo marchou
quédannos os chuvascos
no fregadeiro
e os camións do lixo
e a destrución sistemática
a cámara lenta
de todo aquilo
polo que paga a pena
estar vivos
no mapa
da imbecivilización

parabéns a todo aquel que fai posible
coa súa inestimable colaboración
a feliz programación
moitos chutes de neón
aínda quedan
na reserva
da desolación

non esquezan acugular con detritus
os colectores adecuados
a cada momento da miseria

usen envases correctos
para cada ocasión
e
non perdan a oportunidade
de visitar
as nosas instalacións
de nada comprimida
á mínima expresión.

As rimas desta cotracomposición
poden vostedes tiralas ao excusado
non esquezan tirar da cadea
ata rompela,
sentirán ALIVIO INMEDIATO
e unha idea aproximada
de algo parecido á
liberación.

Óese un pitido

pintadas




mensaxe para os amantes do putiferio