non foi sen tempo



video


Agora, si. Estamos de volta  e media , de regreso ao inferniño, cunha pata ghalana e moito tempo morto ao noso dispór. A área fisterrá engancha e sempre quedan ganas de volver para aprender a ver e a mirar ben todos os seus tesouros naturais, que son inmensos. Demos con moitos regatos coma este que nacen e morren cerca do mar. Tan perto que mesmo atopamos un muíño de río nunha  praia salvaxe con acceso a pé a través dunha vella calzada romana, non é prodixioso?
Este país aínda non sabe ben o que ten, ou si?




o conto non acaba de calquera maneira!








Cántiga de berce para espertar ríos









Regato de Quilmas 
desembocando directamente no mar
nun enclave máxico
só visible para ollos
predispostos a ubicar
nalgures
os pequenos milagros.


NOTA PREMONITORIA: aquí, na fin do mundo, a conexión á rede é extremadamente precaria.
No sitio da fotografía tería que aparecer un video coa auga correndo entre os penedos para ir de cabeza ao mar, pero colgalo levaríame todo o día e toda a noite e, claro, ese é un capricho que non me podo permitir porque, entre outras cousas, onde o mundo acaba, todo está por inventarse e hai moito que facer.










céo en terra





posiblemente agarden por min
varias cadeas de erros 
múltiplos de cero

acadarei con eles
obxectivos
inéditos



flores bravas




flores aínda sen nome




Pedro, medran caraveis indios
e amarelles bravos
e cabrifollas 
e camariñas
e fiuncho
e mouriños salvaxes
para gloria dos teus ollos
nos prados saliños da ribeira
a golpes de mar e vento
e coas raíces traducen do subsolo
arrecendos minerais
para gloria dos teus dedos, dos penedos e da area
branquísima e orixinaria

moi perto, a uns centos de metros
na piscifactoría amplían
a superficie adicada aos tanques
para os bancos de insectos

peixe clonado de granxa
no perímetro inmediato
do paraíso




lume de biqueira



estou pracidamente durmida
de súpeto esperto
algo pousa suavemente aos meus pés
buliga un momento minimamente
fágolle: hasxxxxx!
e sae correndo a miañar:

zume de escaravello para ti
e todos os teus beixos ortopédicos!!!!!

era un gato do camiño
que entrou pola ventá
atraído polo rumor
das escamas
dos peixes voadores
que sulcan
os meus soños






NIN IDEA



Non sei o que me depara o destino.
Eu teño fe na beleza espontánea que se imprime como unha tatuaxe.
Tamén creo na felicidade como un estado que se perde e se recupera,
non se sabe moi ben como pero si cando.
Ignoro o que me agarda.
Eu só agardo non perder as rendas;
se á final hai un abismo, esporearei o meu cabalo para que se lance de cabeza, sen pensalo;
teña a punto ou non o meu paracaídas.
Estou de regreso
dun lugar que nunca se me perdeu.







cantiga de amiga





esta noite non quero bailar
esta noite non quedo contigo
andarei pola lúa a pasear
abrazada ao meu único amigo





oh, Vigo!



Vigo ao lonxe
é un mero banco de néboa
expedindo talóns de aceiro
nos tanques das piscifactorías
onde non é rendible criar
os xurelos salvaxes

agora xa brilla o sol
e non consigo ver nada
que non cheire
a verquido







circos de fume



canto máis desexas
PERÍMETRO DO LUME
máis tes
CERO Á ESQUERDA DUN CERO Á DEREITA
canto máis tes
VALADOS DE DESEÑO
máis perdes
ETERNO RETORNO
canto máis perdes
CIRCO INFERNAL
máis sofres
ANATOMÍA DUN CERCO
canto máis sofres
CARIOCA CÓSMICA
máis se aviva o teu desexo

STOP IT!











http://grooveshark.com/album/Song+Of+Nature+Babbling+Brooks/3119210