deduzo polo aspecto dos espectros
que as mapoulas azuis da área central
murcharon de vergoña allea
nos prados enfastiados do verán
vivir cansa
andar fatiga
durmir máis tempo do necesario
non é posible
nacemos hipotecados
a un horario programado
pola industria e a bioloxía
só nos queda
levemente esquecidos
soñar
no ciclo incesante
das estacións
que estamos vivos
milagrosamente
fóra dos guetos
no centro
dunha estampida
de búfalos
de cotidianeidade
perseguidos
por un tigre
pintado con trazos
de feroz
espontaneidade