PAISAXE SONORA
un barómetro durmido
asegura o serán
óese un tren que pasa
pola vía de arriba
un bruído breve e verde
de pequenas aves transparentes
fura con lunares o ar
eu reteño o seu niño sonoro
na palma da miñas
mans redondas e baleiras
ladra sen gana un can de plastilina lila
moída
pasa un camión anano arrastrando como pode
a súa carga de desolación
un par de lamagueiros vellos
teclan o seu clic clic amarelo de follas secas
para facer unha última chamada local
un paporroibo colle o aparello acústico
e contesta pousado nun acivro cercano
o mar é un prato metálico
sacudido por un mínimo tremor
a humidade fai ecos silenciosos
en cada póla caída do sol
os liques dormen un soño esquecido
esmaltado en ouro vello
as pedras enchoupadas polo último trebón
exudan pequenas nubes visibles
só para os poros amplificados
o céo bota un berro laranxa.rosáceo
amortiguado polos claxons grises da estrada
cobregante e sen límites
podo ver o rosmar do humus fumegante
incubando a herba nova
miles de regatos minúsculos
labraron caneiros descoñecidos
non sei o que pensarán os insectos
ao respecto
pero as vellas raíces choran de alegría
por fin esta gasa máxica e familiar
me venda os ollos
para que poida abrilos cara adentro
e tan ao fondo
que me sinto
marabillosamente perdida
no túnel negro da noite
con todos os seus gatos traslúcidos
pechándome a porta
e sentando ao meu carón
para murmurarme moi baixo
os seus pensamentos
espidos