area por zonas

os meus dedos premen solpores
no oco onde debía
haber un ascensor
unha camisola rachada
marcha en picado
propulsada por un vento toleirón
a garrafa de aceite
prende lume con salitre
no suavizante antiarrugas do
telón de aceiro
unha cuadrícula
énchese
con ecuacións deformes
de masa informe
a control remoto

as pedras abren furados
cósmicos á erosión

todo serán é area
cunchas esmigalladas
iso é
guais ou non
o que vai quedar
de nós

hai que preparar as nasas
para a captura
de incógnitas
na negra desbandada
das estrelas

a lúa enche os escaparates
de falsas ilusións
en clave de disparate
choven expectativas
expectorantes
no muro
das grandes promocións
a zona euro
énchese de cravos
para apontoar
o cadaleito do céo

óense as marteladas da clausura
o sol enfermo marchou
quédannos os chuvascos
no fregadeiro
e os camións do lixo
e a destrución sistemática
a cámara lenta
de todo aquilo
polo que paga a pena
estar vivos
no mapa
da imbecivilización

parabéns a todo aquel que fai posible
coa súa inestimable colaboración
a feliz programación
moitos chutes de neón
aínda quedan
na reserva
da desolación

non esquezan acugular con detritus
os colectores adecuados
a cada momento da miseria

usen envases correctos
para cada ocasión
e
non perdan a oportunidade
de visitar
as nosas instalacións
de nada comprimida
á mínima expresión.

As rimas desta cotracomposición
poden vostedes tiralas ao excusado
non esquezan tirar da cadea
ata rompela,
sentirán ALIVIO INMEDIATO
e unha idea aproximada
de algo parecido á
liberación.

Óese un pitido