Ledicia Costas Álvarez








as baleas non afogan




cae o ceo sobre as nosas crebas como un mal presaxio
a lúa é un corazón mínimo que sobreviviu á última guerra
e que non palpita porque as engrenaxes da súa maquinaria perderon
a cabeza
a paisaxe é desoladora
pertenzo a esa clase de cetáceos que teñen un burato negro entre
as costelas,
coa alma exposta como un cadáver: rodeada de flores e fotografías
en sepia
impedíndome esquecer todos os naufraxios
pero as baleas non afogan,
as baleas non afogan
non penses que me vou deixar devorar por ti outra vez,
sigo viva e teño un estómago a proba de bombas
mamá berra desde a fiestra da miña infancia

podo ver as súas cordas vocais tronzadas de desesperación
tan só intenta salvarme unha vez máis,
ela naceu para ser nube e arrincarme bolboretas no medio do temporal,
e aínda que a noite rebente as constelacións,
e a treboada consiga arrebatarme as aletas 
eu seguirei sendo azul  e repetirei en voz baixa que
as baleas non afogan xamais.


in Acción Urbano Lugrís
.


á venda




(1)

caen sobre nós
palabras
lentamente mollándoas
orballo
silencioso

o céo soldado 
de nubes
solta os últimos
restos de poalla
que quedan
despois do temporal

respirar asuláganos
por dentro
pero
andar
fainos lixeiros

entre o colapso
das flores
fican presas
de luz líquida
todas as ideas
que non soubemos 
comunicar
porque non quixemos

o máis probable 
é
que cando queiramos
irá tanta seca
que ficarán evaporadas 
no ar abstracto

e de súpeto
ardeu o verán
disparando os seus froitos
podrecidos

(1) Este recunchiño cheo de verdor sobrevive de puro milagro no medio dunha contorna brutalmente urbanizada. Aquí aínda pastan ovellas e cabras e mesmo é posible dar de cando en vez cun ourizo cacho. O lugar está deshauciado polo plan urbanístico; queren construír torres con moitos pisos para pedir por eles prezos astronómicos, pois é unha ubicación privilexiada con vistas  á ría dende Rande ata as Cíes. Os veciños propietarios xa venderon todos, todos excepto un que se nega. Este veciño disidente foi tentado con ofertas moi substanciosas pero el nada. Entón empezou a recibir notificados extorsionantes por parte do concello e mesmo foi ameazado con lesións persoais por parte de anónimos. Polo de agora o conto quedou así, pero estamos certos que en canto o teimudo morra, os seus herdeiros correrán a vender ao mellor postor porque o vampirismo dos cartos é moito máis gratificante que calquera fragmento da primavera. Grazas, Baldino, por resistir.




espazos periféricos







Entre os berros verdes do fento
penso en silencio
como as mapoulas pasadas son po
de esquecemento
na hora oblícua
en que decido seguir sen folla de ruta
polos sendeiros que levan
ao mediodía indemne.

Nun recuncho afastado das nubes
ollo ao lonxe
as costas humanas
longamente acariñadas polo vento.

Pairo sen ás
porriba das minas 
dos misterios.

Nos prados renovados
oio sorrisos da néboa-herba
expandíndose 
en proporción áurea.

Inclínome e saúdo.
Eu só son
a que sente.



abril di



mar iguana de colores
centros de ensino obrigatorio
desfeita urbanística & humanística
as vellas paisaxes
desintégranse en formol / frases de alcol
sepulcro da grisalla
ole a música eivada
de cemiterio 
onde van as flores?

todas secuestradas
na procesión
sadomasoquista
 católica & caótica
da gran nazión
todas?
non!, as salvaxes non

e abril di:
non conseguiredes arrebatarme
nin a máis mínima
das miñas ilusións.
Dádeme un capacho de terra liberada
farei agromar nela
selvas virxes
árbores xigantescas
impedirán o paso
das bombas de tedio
dos soles perpétuos.


tellado vello despois dun inverno de seca






No palco do vento




Os señores do vento in voo618: pequeno documental en que os autores desta obra LANDART falan do seu proxectiño en permanente construción.

Nunca as botellas de lixivia soñaron ser tan fermosas.
E supoño que nunca antes o vento pensou que batería
de maneira tan graciosa con semellantes virandelos.
Deste diálogo incesante entre o vento do mar e o plástico
aberto fai unha pequena tradución Tino Baz
pero as posibilidades poden ser infinitas.

Hai que ir alí para poder contalo e cantalo.
Claro, cada quen á súa maneira.



mira ti



o pasado son esquirlas
que pasan a través de min
sen conseguir tocarme
nacín nunha pedra de auga

o presente é un papel secante
saturado de manchas
que pingan

e o futuro.....que lle dean!

dáme terra
o resto do universo
todo para ti