as baleas non afogan
cae o ceo sobre as nosas crebas como un mal presaxio
a lúa é un corazón mínimo que sobreviviu á última guerra
e que non palpita porque as engrenaxes da súa maquinaria perderon
a cabeza
a paisaxe é desoladora
pertenzo a esa clase de cetáceos que teñen un burato negro entre
as costelas,
coa alma exposta como un cadáver: rodeada de flores e fotografías
en sepia
impedíndome esquecer todos os naufraxios
pero as baleas non afogan,
as baleas non afogan
non penses que me vou deixar devorar por ti outra vez,
sigo viva e teño un estómago a proba de bombas
podo ver as súas cordas vocais tronzadas de desesperación
tan só intenta salvarme unha vez máis,
ela naceu para ser nube e arrincarme bolboretas no medio do temporal,
e aínda que a noite rebente as constelacións,
e a treboada consiga arrebatarme as aletas
eu seguirei sendo azul e repetirei en voz baixa que
as baleas non afogan xamais.
in Acción Urbano Lugrís
.