(1)
caen sobre nós
palabras
lentamente mollándoas
orballo
silencioso
o céo soldado
de nubes
solta os últimos
restos de poalla
que quedan
despois do temporal
respirar asuláganos
por dentro
pero
andar
fainos lixeiros
entre o colapso
das flores
fican presas
de luz líquida
todas as ideas
que non soubemos
comunicar
porque non quixemos
o máis probable
é
que cando queiramos
irá tanta seca
que ficarán evaporadas
no ar abstracto
e de súpeto
ardeu o verán
disparando os seus froitos
podrecidos
(1) Este recunchiño cheo de verdor sobrevive de puro milagro no medio dunha contorna brutalmente urbanizada. Aquí aínda pastan ovellas e cabras e mesmo é posible dar de cando en vez cun ourizo cacho. O lugar está deshauciado polo plan urbanístico; queren construír torres con moitos pisos para pedir por eles prezos astronómicos, pois é unha ubicación privilexiada con vistas á ría dende Rande ata as Cíes. Os veciños propietarios xa venderon todos, todos excepto un que se nega. Este veciño disidente foi tentado con ofertas moi substanciosas pero el nada. Entón empezou a recibir notificados extorsionantes por parte do concello e mesmo foi ameazado con lesións persoais por parte de anónimos. Polo de agora o conto quedou así, pero estamos certos que en canto o teimudo morra, os seus herdeiros correrán a vender ao mellor postor porque o vampirismo dos cartos é moito máis gratificante que calquera fragmento da primavera. Grazas, Baldino, por resistir.