para nada






o cordón umbilical do cable módem
está desconectado
nada me ata 
ao paredón dos sentidos encriptados
en clave de fraude









na proa da mañá



no ronsel da noite
van quedando afogados
os manchos de distraccións
os desvelos idiotizantes
as falsas ilusións
os voos hipnóticos & omnívoros
do po do deserto

sento na proa da mañá
óese un murmurio lento
caendo como un veo
de foguetes de cores encriptadas
detidas no ar
só por un momento-seixo
esplendoroso
un pouco antes de abrirse o telón do céo
para a próxima función
na galería mediocre do sol
de vidro e aceiro






labor de canteiros



Sen querelo 
a auga e o tempo
abren nas pedras
furados encantadores

o mar labra
co seu cicel de escuma
grutas anónimas
onde xacen agochados
todos os tesouros
que se poidan imaxinar

pregúntome
que non seremos capaces 
de facer nós
coa forza imparable
da nosa vontade



Verde verde verde





LEMBRANZA


A Terra devólvete a min.
De non morreres,
nin as augas sen veas,
nin as froitas con pel,
nin os volcáns,
no seu frescor, sabor e lume,
me darían a túa presenza.
Seríame indiferente
este globo ourizado
que expulsa da súa entraña
as vidas e as árbores,
para que os rodeen 
de cor e tenrura.
A Terra sabe ben
que o sol e as estrelas
son olladas de seres que non existen.
Só creo en ti, planeta onde morro,
onde morreu quen sempre me acompaña.


MANUEL ATOLAGUIRRE: A lenta liberdade , 1936



noite torta

a noite é unha gran torta
de chocolate negro
rechea  de milimétricas  luces
a reflectiren na xalea violeta
que soltan os asteleiros

apenas abala

collo un pedaciño:
sabe a mar
e a inminencias de voos
de paxaros descoñecidos,
ole a nácara
de árbores submariñas que aínda non teñen nome

andar é suave
nestas ribeiras,
ao meu tacto
as areas ceden
e miles de ideas esmigalladas
forman cuncheiros:
son os beixos da marea baixa
esa lunática
que nunca se farta de preguntar
onde vai o vento.


Georgia O'keefe


barro quente

recibo este primeiro día do ano
cheo de vento toleirón
co mesmo coidado
con que nun día de frío
se recibe unha botella de barro
rechea de auga moi quente

procurarei
que non me caia
das mans
xeadas