noite torta

a noite é unha gran torta
de chocolate negro
rechea  de milimétricas  luces
a reflectiren na xalea violeta
que soltan os asteleiros

apenas abala

collo un pedaciño:
sabe a mar
e a inminencias de voos
de paxaros descoñecidos,
ole a nácara
de árbores submariñas que aínda non teñen nome

andar é suave
nestas ribeiras,
ao meu tacto
as areas ceden
e miles de ideas esmigalladas
forman cuncheiros:
son os beixos da marea baixa
esa lunática
que nunca se farta de preguntar
onde vai o vento.


Georgia O'keefe