nubes de pétalos enferruxados
precipitan o céo
fotograma a fotograma
nunha fervenza de sombras
o mar marchou lonxe
dos temporais
e a chuvia esfiañada
ennobela un argumento
incomprensible
para a meteoroloxía
dos milibares
non quedan máis que quilómetros de tuberías
verquendo
doses variables
de abominación
a luz eléctrica devora
con boca catódica
o manual metódico dos astros
a lúa dorme
esquecida
entre as pólas dos mastros
atracados nun porto deportivo ilegal
construído co beneplácito da autoridade
municipal e autonómica
para goce e disfrute do turismo de guerra
e para agonía dos cuncheiros
a sinfonía rouca dos asteleiros
repite machaconamente
unha estrofa de planchas metálicas
en impacto permanente
e miles de vagalumes
saen disparados das rebarbadoras
os seus excrementos
é todo o que temos
para seguir fabricando
nóminas na sociedade anónima
que come de todo
agás sementes de realidade porvirista
este poema oxidouse
antes de ser enunciado
de aí o seu título-sudario
cor dominante: ferralla