BRILLANDO POR AUSENCIA






as gadoupas do espacio
abren unha ferida que fala idiomas
.....no gume das palabras
as unllas medran


DISTANCIA


^^^^^^^^^




toda dose de veleno é excesiva
todo paso que se dá é cara o Norte


RUMBO




^^^^^^^^^


abro un enlace virtual
a un deserto de astros apagados
son dunas de olladas negras
todo pupilas incandescentes


VÍNCULOS




^^^^^^^^^


as letras desta agonía
petrifican mareas de morcegos
sen cova, sen ás, sen ritos
encriptan silencios rotos
por unha avaría múltiple


AVARÍA




^^^^^^^^^


as palabras do supermercado
son plumas resignadas
cando protestan
transfórmanse en poesía
para rebentala


OBXECTIVOS DISQUE




^^^^^^^^^


nacen de balas-pétalos
flores-bomba
con efectos retroactivos


EXPLOSIÓN


^^^^^^^^^


retroalimento esta dor
ata que esvaece sen sentido


RUMIANDO


^^^^^^^^^


nas minas do paraíso
dou cos filóns da sintaxe
excavo fume no cuarzo
para que cristalice
nun beixo
que nunca 
atoparás no dicionario


MINAS ABANDONADAS


^^^^^^^^^


espreito nun recanto sen wifi
a chegada de abrazos dinamitados
presentando 
a súa carta de dimisión


RENUNCIA


^^^^^^^^^


as águias da miña risa
devoran vérmes de espanto
e énchenme as ás de brisa


PAIRANDO SEN ÁS