a última hora da tarde
é unha simple flor
arrecende a laranxa
verde limón e
quere ser zume o ar
a encher o vaso do meu andar
sen rumbo
mentres as primeiras luces
palpebrexan insomnes
nos farrapos esfiañados do serán
ninguén polas beirarrúas
anda á procura da súa sombra
o tráfico deixou de pitar
as portas pechadas dos comercios
emiten un preludio de pasos rotos
no sexo programado
das caixas rexistradoras
o eco dos paxaros
paira nos portais
alguén meteu un gol no horizonte
unha ovación de silencio
en cartolina vermella
canta a vitoria previsible
de algo que quería ser tregua
de luz difusa
entre lusco e fusco
as tebras a media voz
conectan os cables da noite
a unha batería industrial
e
a realidade habilita
unha tradución simultánea
a prazos tatexantes
son eu
procurando nas raíces desta hora
auga
para singrar