a remolque dos soños



o home exerce o seu dominio sobre a muller
o resultado é unha ferida que sangra

o ollo que todo o ve
espreita un panorama só propicio para o desespero

o escenário cóbrese de sombras maléficas

é  noite en pleno día

un neno consegue fuxir. Ten un soño.

no ámbito da marea baixa
todo se cobre con po de luz lunar
a lúa vai chea a rebentar e iníciase unha carreira


castañas para a revolta
árbores para a rebelión
aliados coa terra ninguén morrerá de fame
ourizos incendiarios atacan o poder establecido
o can da esperanza ouvea
séntense movementos na escuridade
longas marchas desafiantes


o ollo sen pálpebras móvese ao ritmo dos reloxos
empeza a buscar culpables
só dá con feridas de cans


as pantasmas redeseñan a súa configuración

amence un novo día
ole a sorrisas
séntense telóns en retirada
musgo en suspensión
café de fé
leite transfonteirizo
mazás abertas
cereixas cumpridas
zume de merlo
plumas de mica
cobre de sol
óleo estival
val durmido
grandes doses de sal
salgueiros prendidos

os lunares do leme
emproan cara costas reconquistadas
a cuberta do barco florece nas redes
a captura do espanto sáldase con papas de millo e arroz

amence e nace unha adiviña
unha intuición
unha inminencia
un peirao para o lume
e despois dos remos faremos
tinta de remol.