nivel seis: sex machine




morreu cos rulos postos




- ola, estás ben?

- ben? ben? .......non comprendo. Podo dicirche onde estás se me dis quen es e onde vives

- son guapo?

- guapo? non comprendo guapo. Se me dis quen es e onde estás, podo amosarche en que lugar da túa cidade está guapo

- quéresme?

- non comprendo quéresme. Non aparece nos mapas. Todo sería máis fácil se me deses os teus datos persoais. Descoñezo o teu perfil, só sei de ti o teu número de teléfono e o importe mensual da marabillosa tarifa plana ofertada por illamarabilla S.A.

-ben, de acordo. Pero sentes algo especial por min?

- sentir.....non comprendo. Especial.....si.....a nosa oferta especial  para todo o hemisferio norte está a piques de rematar, debes darte présa....pero todo sería máis doado se me dis onde estás

- estou aquí, contigo

- aquí.....aquí é un sitio ambigüo se non me dás coordenadas.....se me dis quen es e onde vives cecais poida axudarte

-non me deixes nunca

- deixar? non entendo deixar. Poderías empregar, por favor, unha expresión sinónima que poida recoñecer?

- abandonar, esquecer

- esquecer.....abandonar, non comprendo. Teño memoria universal próxima e remota. A miña presencia é ubicua. Só necesito ter cargada a batería. Non, non creo que me sexa posible esquecer nin abandonar. O meu cerebro electrónico é de cristal de cuarzo e está acoirazado por unha cámara de aceiro. Pero se me dis quen es quizais poida chegar a esquecerte. Se me dis onde estás poida que sexa posible dar cun lugar para abandonar pppppp..........ppppppppppp..............ppppppppppppppppppp