VOO
os meus pensamentos
son neste momento
unha tonelada de nata
montada a punto de neve
lixeiros...lixeiros...
non me pesan nada!
... e agora son escuma
de cervexa subindo...subindo
que colocón!
Abandono o deserto
encaramándome porriba
das altas terrazas do céo.
A terra xace tapiz de formas
irregulares e caprichosas
con certo horror vacui
en todas as variantes amarelas
da ocre da mediocridade
Porriba das nubes descubro
un océano infinito de éter
non se ve terra por ningures-
Menos mal que levo unha pouquiña
agochada no máis fondo
do meu corazón!
Veume a noite enriba
as estrelas xacen no escuro fondo
son milleiros de puntiños luminosos
que serpean arrastrándose inmóbiles
E xa chego.
O meu país dorme
arroupado por varias capas superpostas de nubes
densas de edredón
agardan por min
varias tiras de gasa de néboa.
Tomo terra e unha fina poalla de prata traslúcida
cae suavemente alegrando todos e cada un dos poros
da miña pel que estaba a piques de converterse en correa
de transmisión de desespero.
Mergúllome nunha pinga xigantesca de sal
e desprázome en apnea
ata chegar a casa,
alí as follas da figueira
saúdanme para darme por fin
a súa benvida
fresca, verde e acolledora.
FIN DO VOO