MINCHIÑAS

1
o céo leva o pelo solto
cando chove /
coa seca
vai rasurado




2
un avión fai análise sintáctica
por entre as nubes
pero non dá co suxeito
e o predicado
nin é impersoal
nin está elidido




3
a bala desobedece
e impacta na alma do asasino
producíndolle un furado de nada




4
o mundo en movemento
é un bo alumno de astronomía comparada




5
as ramiñas do niño
queren ser flores con ás




6
os ollos son ríos de lesións
nas pernas dunha colisión múltiple




7
tomo lista das árbores da terra
faltan as máis vellas
as espoliadas para imprimir
a tontería humana




8
a dinastía astrolóxica do universo
dimitiu en pleno




9
as velas inchadas da miña nave
peitean as guedellas do vento
coas miñas xemas




10
remando no lume
vólvome cinza
e deixo de esfumarme




11
comía patacas frixidas
que morreran de risa




12
limpa xoias alleas
pero non tezas tapetes ao futuro con elas




13
un eco de luz desangra o ar
e nacen palabras de carne
fóra da granxa




14
o canto  feminino
xerou todos os cantos
a fala feminina
xerou todas as falas
todos os ríos
todas as fontes
todo o que murmura
todo o que se queixa 
dende o principio
nace na banda
feminina do universo.