tranquilo
non vou reincidir na temática da cronoloxía
de feito
nin sequera se trata dun inciso
do tipo
a sombra do ciprés vai atrasada
ou
chegarei tan tarde ao meu enterro, que teredes que facelo sen min
tontices para evitar falar persoalmente por escrito de quen eu son
verás
a cuestión é a seguinte
isto que aquí aparece virtualmente escrito
non é eu en absoluto
en todo caso será un fenómeno peculiar e pouco interesante da linguaxe combinada coa electricidade e un certo nivel adquisitivo,
o nivel do cable módem
parece que só propicio para unha comunicación eivada
(que inxenuo pola miña parte coidar algunha vez que se trataba do máis alto nivel)
se alguén pretende coñecer algo de min
a través destas liñas
está real e voluntariamente enganado
estes textos
só son retallos fotográficos
da miña mente
tirados cunha cámara
sen memoria
nin carrete
nin obxectivo
un finximento de ser
o que non é en absoluto
nin foi
nin será.
Así é que
a miña caixa de pandora está intacta
e aínda non se sabe ben
o que nela pode haber de min
se algo hai.
Eu son a miña sorpresa.
A miña vida procuro non usala como pretexto para abrumar a ninguén
e detesto as citas telefónicas,
sobre todo as que están de antemán
por falta de realismo nas expectativas
destinadas ao fracaso.
Con todo, se algún día consigo que te sintas ben
estarei encantada
aínda que non o saiba
que estás ben
que todo está ben
tamén
para min.
Agora,
nin se che ocorra pensar que me coñeces
porque ti a min
non me coñeces de nada
e ti para min
segues sendo
un absoluto misterio
sexas quen sexas
tanto ten.
Ben, cando o medo desapareza
cecais poidamos falar tranquilamente
nunha praza liberada
sen nada que dicir
supoño
que
como
case
todo o mundo.
O carallo vai ser dar co número
e que deas comigo na casa
e que ese día eu estea visible
porque, sabes?
ultimamente aprendín a marchas forzadas
a sublime arte da invisibilidade
para a conexión
con tempos, lugares e falares
remotos.
Nada persoal.
e
Nada cósmico.
Aínda que todo segue sendo
bastante cómico.
En fin.