T.Roszak: Wave |
lianas de desexo por todas partes
cursan por correo convencional
unha invitación
alguén di que non
e unha morea de anuncios publicitan
nada liofilizada
carece totalmente de interese
ese gusto desmedido polos cables de alta tensión
ningunha onda impactofará
nos circuitos centrais
dos minúsculos pavillóns
do meu oído interno dereito
sepulcro de detonacións
cada quen segue o seu corpo
como pode
ou
como a opacidade segue as naves
de popa e mar abaixo
decido aparcar a miña mente
nos subterráneos da zona residencial
custodiados por enormes ratas remasterizadas
con sangue de neón
desmentalizada e fóra dos planos do metal
debrúzome nunha decisión vertixinosa
comerei neve perpetua con limón
de beber por favor
un caldo de esquecemento
encrequenado na punta sombriza dunha emoción
imaxinaria
será emocionante
subir a empuñadura dunha sesta
armada de vaticinios e cunchas íntegras
amence ámbar contras as ameazas
da gris pera
cadeas de pétalos furtivos
amerizo en ourizos
pugas pinchos minutos mítins
desintegro co meu fío amazónico de ritmo negro de frío
eses desolados corazóns
montados na fame tipográfica
e na calderilla de bragas sintéticas
selva transparente eu
solsticio de nave vagabunda
auga errabunda na neve
sede errática
entre o deserto e a inundación
hai un río caudaloso de medidas desestimadas
ben recollidas nun moño con forma de pan
que sae disparado
nada de regras previas
todo agora e a cachón