festa rachada

NO PAÍS DO ESQUECEMENTO
todo o mundo está de festa
séntese a música dende lonxe
chegamos andando
metémonos polas extreitas rúas de pedra
en cada recuncho hai postos con comida e bebida gratis
os músicos andan por todos lados
tocando improvisacións
con instrumentos inimaxinables
todas as casas están abertas de portas e ventás
e dentro hai bailes tamén improvisados
que non obedecen a pauta ningunha
moito barullo corricadas
semella Hamelín xa sen ratas
e cos nenos perdidos de volta a casa
nun momento dado
separámonos
alguén me dá un fermoso vestido con moito voo
para que me vista elegantemente
é unha especie de sari con fondo branco tirando a verde estampado con microscópicas flores de todas as cores. Boto o fermoso tecido polos ombros e continúo deambulando con certa sensación de estrañamento e irrealidade ou presencia mítica virtual, anque estou cansa nada me doe.
Entro nun baile
alguén di que leva un tempo alí agardándome
lévame a unha biblioteca antiga onde dormen libros moi vellos
deles empezan a saír follas ricamente caligrafiadas a man e pintadas con prodixiosas miniaturas
son pequenos poemas moi fermosos e entenrecedores
síntome levada por unha corrente de sentimentos benéficos
ollo un momento por unha ventá
véxote vir acompañado por alguén que te observa amorosamente con entrega arrebatada
o meu acompañante invítame a beber e despois a bailar
así o facemos durante non sei canto tempo
acabamos abrazándonos fraternalmente antes de despedirnos
decido abandonar ese lugar inmediatamente
sei que se quedo máis tempo todo empezará a disiparse
baixo pola miña conta por un camiño entre a herba que beirea prados salferidos de medas amarelas e que me conduce á unha estrada subterránea debaixo da ponte de Rande.
Mentres me evado ti ficas no medio do rebumbio da festa, nun momento dado empezarás a buscarme para regresar  ao punto de partida porque che entrará algo así parecido a unha vertixe e cando te decatas que eu xa non estou nesa marabillosa danza amnésica eu estarei entrando en Teis pola vella vía de arriba e xa te terei esquecido para sempre.