a fonte do esquecemento

estou á beira dun río
obsevando como a miña imaxe
se desfai na corrente
desexando intimamente
que me leve
' o río discorre
en dirección contraria
ao mar

pasan follas
pasan peixes a flor de auga
e de súpeto
pasa unha árbore en pé
río arriba.
Non acredito.
Quero seguir esa árbore imposible.
Alguén me advirte que,
de facelo, chegarei
a unha fonte moi fría.
Ese lugar onde arden
sen corpo
os amoriños mortos antes de naceren.

Dou media volta
e alónxome a modo
pero sen pausa
desa corrente maléfica.
Madia leva!



afogando en seco

cando choven lanzas de punta

T.Roszak: Wave


lianas de desexo por todas partes
cursan por correo convencional
unha invitación
alguén di que non
e unha morea de anuncios publicitan
nada liofilizada
carece totalmente de interese
ese gusto desmedido polos cables de alta tensión
ningunha onda impactofará
nos circuitos centrais
dos minúsculos pavillóns
do meu oído interno dereito
sepulcro de detonacións
cada quen segue o seu corpo
como pode
ou
como a opacidade segue as naves
de popa e mar abaixo
decido aparcar a miña mente
nos subterráneos da zona residencial
custodiados por enormes ratas remasterizadas
con sangue de neón
desmentalizada e fóra dos planos do metal
debrúzome nunha decisión vertixinosa
comerei neve perpetua con limón
de beber por favor
un caldo de esquecemento
encrequenado na punta sombriza dunha emoción
imaxinaria
será emocionante
subir a empuñadura dunha sesta
armada de vaticinios e cunchas íntegras

amence ámbar contras as ameazas
da gris pera
cadeas de pétalos furtivos
amerizo en ourizos
pugas pinchos minutos mítins
desintegro co meu fío amazónico de ritmo negro de frío
eses desolados corazóns
montados na fame tipográfica
e na calderilla de bragas sintéticas
selva transparente eu
solsticio de nave vagabunda
auga errabunda na neve
sede errática

entre o deserto e a inundación
hai un río caudaloso de medidas desestimadas
ben recollidas nun moño con forma de pan
que sae disparado
nada de regras previas
todo agora e a cachón

sen quereres

amence gris
pois eu vou
verde saudade
de serraduras
en suspensión
descendo as escaleiras
e abro o día
co paraugas de vento
para absorver
todas as pozas do céo

isto non o sabe ninguén
nin eu tampouco
flor imposiblemente real


supoño que é inevitable
que se enteiren dunha vez por todas
as miñas botas incalculables
para algo as levo
pa que me narren
o inenarrable
máis alá dos pés por cento
dígoche reiteradamente
que hai unha auga imbebible
a auga imbobable

evidente, querido guatson

as mellores probas
son as que non se aportan
porque son evidentes
e caen
polo
seu
propio
peso
.
.
.
.
.
como as pedras!


traxe camuflaxe

la chispa de la vida

Un instante quedou petrificado
nun milagro.
O que lle quedaba  de vida
adicouse a negalo.

Nos rochedos da vellez
acabou esquecéndoo todo,                                                
formaba parte del.



botas maceta
in
imagenesfaleroni.blogspot.com




zume de ar


Alguén me dá un froito estraño moi maduro
Para que o beba
Como non teño licuadora a man
Esmágoo cunha culler e empeza a saír un zume espeso e pardo
No primeiro grolo vai toda a fibra
Éncheme a boca ata case esganar
Pégase a toda a cavidade bucal coma un tofi
Despois bebo o resto
Ao pouco síntome pletórica

Un neno brinca nos meus brazos
É aínda un bebé
Pero xa está hiperactivo

Mentres, unha nena
que naceu hai uns meses
pasa o tempo
pracidamente
a durmir


máscara




cachoeira



NO CAFÉ CENTRAL
Estou con S tomando un café
Ou se cadra calquera outra cousa
Falando disto e do outro
De canellóns sen saída
No canellón cemiterio
Dunha rúa urbana

Fóra o ámbito é hostil
Automóbiles e buses catatónicos
Xente apresada capturada
En redes de horarios dementes
Xente puntual

Ollo unha ventá
Que dá a unha parede
Ollo a parede que teño en fronte
E vexo xurdir un poderoso manancial
A auga cae 
a cachón
No máis absoluto
 silencio
De montañas 
frías
Dígollo a S
Que un manancial 
cae
 en fervenza
Do muro inhóspito 
da cafetería

S olla para min con cara de susto
Mentres 
eu 
bebo
Con avidez
Das augas limpas
 e xélidas
Que caen 
ao meu favor
dese 
estrondo 

sil

en

ci

o

s

o.



oniromancia


que ninguén me pregunte por que 

nin como nin onde nin cando.....
é como unha procesión silenciosa  
de súpeto aparecen os xitanos. 
Andan buscando alguén, 
queren matalo. 
Unha parella esguéirase por entre as rúas estreitas, 
chegan a unha praza agochada entre tapias  
péganse contra un muro, 
como se só as pedras lles puidesen brindar protección. 
As rúas son de lama. 
Vexo un pé calzado que pisa forte, 
a súa pegada deseña unha caveira. 
A medida que se alonxa 
da caveira nacen símbolos, 
dos símbolos agroman flores. 
As rúas quedan desertas e en silencio. 
Cae un sol de xustiza. 
As sombras trazan ángulos. 
Non haberá encontros satánicos. 
Alguén queda rosmando non sei que de que do dobre e do espanto. 

Non fago caso, son meigalladas incubadas na ignorancia e na debilidade dos asnos. O feito de que estea nun raro caló non impide que poida entendelo. 
A intención da voz é significativa, só busca a suxestión. 
Non necesito nin sequera tapar os oídos, 
abonda cunha tradución traidora e a mensaxe queda desmantelada. 
Regreso ao país das conxugacións indemnes. 
O día non traerá máis miseria da habitual nestes casos. 
Agardo non acostumarme endexamais a pronósticos 
recheos de ameazas e birra barata de rabia.




T. Roszak





sen tí (ndoo)

coa pel saturada
de sal e de sol
alónxome
a centos de miles de quilómetros por hora
da mortenvida


a miña mente voa........


volvinme ubícua e simultánea!




NOTA: a pelo!
Non lle metín máis que un bocata de tomate e anchoas
e un bo grolo de auga do monte sen clorar
.....e unhas cantas bocanadas de ar diáfano dunha aldeíña abandonada.....


síntoo moito
pola realidade 
urbana
de prestacións limitadas

CONCLUSIÓN

ao partido
que lle dean

eu son todo o partido

calquera militante
limitaríame

non acepto a libre circulación
de calquera pola miña vida

no fondo da separación
non hai máis afán comunitario
que a de converternos en pantasmas
listos para o consumo


fiu.......fiu......fiuuuuuuuu

perdidiños11

DISTANCIA
a arte da distancia
é unha boa cenoria
para facer que vire a noria

non coñezo na distancia
máis que tortura

toda distancia impide a proximidade
toda proximidade
é unha oportunidade
para facer real
o imposible

perdidiños 10

a orxía defínese como a perturbación
do vínculo que hai entre os afectos
e os xestos ( os sentimentos e as palabras)
e que outros o sigan.........

ben, as palabras baleiras de sentimentos
poden ben valer para a publicidade
pero quedan ocas, non valen nada

no noso ámbito sultánico
moito me temo
que a palabra ORXÍA
está sometida, como todo o demais,
á dictadura do pene
sobre o harem

perdidiños 9

a ausencia de propiedade
condenaríanos
a ser carne de barracón
de escravos

ningún sistema político
protexe a persoa e o seu territorio
ese lugar onde facer o que che pete
sen invadir a ninguén
ese lugar íntimo e sen cámaras
onde poder tolear a gusto
para non volverse tolo

perdidiños 8

por moi equivocado que estea
ninguén merece que se lle cuspa á cara
ese non é un xesto transformador

esa consigna, a do desprezo aberto,
xa o di todo
do estilo mental
de quen a comunica

perdidiños 7

PARADIGMA DO AMOR EN CURSO

vis a vis de penal
putiferio
ronda de visitas

quen pariu a idea
do sexo anónimo e colectivo
debeu quedar descansado

a parella non é un xogo
os amigos non son a familia
quen se divirte a conta miña
e non comigo
non é amigo
por moito que teñamos en común
case todo


propostas? non hai por falta de referentes

perdidiños 6

DEPENDENCIAS CON RECIBO
as caídas semellan estar todas
planificadas
para crear dependencias
da falsa táboa de salvación
do enganche por cable
inalámbrico

perdidiños 5

QUEN MANDA EN MIN?
das ruínas do vello mundo
eu ergo a autoridade
que exerzo sobre min mesma
porriba de calquera outra
consciente
da libre circulación
de sicarios

perdidiños 4

GRATUIDADE
todo este intercambio "gratuíto"
abastece un gran negocio
o negocio das pantallas
que ofertan a diario
miseria enlatada
en cómodos envases
peso neto
toneladas

perdidiños 3

os nosos xestos son
sistematicamente traizoados
porque esa é a dinámica da historia

que nos obriga a darlle continuidade?

o medo
a ser leais
a nós mesmos
e aos demaís

perdidiños 2

ENCONTROS
Ignorarse a un mesmo
non é bendición ningunha
ignorar o punto de vista dos outros
tampouco.

A fatalidade dos encontros
predisponte a quedar en mans
de calquera ser sen escrúpulos
que non dubidará en converterte
nun boneco de trapo.

perdidiños 1

SOIDADE DE DESEÑO
supoñíase que perdendo toda referencia tribal e familiar
iamos gañar un milleiro de irmás e irmáns descoñecidos
pero eu só percibo unha nova fórmula (ben sofisticada) de
isolamento e
unha morea de fillos de puta
montando coa frustración de deseño
negocios de tapadiño
no centro do caos