lendo a GUNNAR EKELÖF


1

cando falamos
e sobre todo
cando escribimos
abrimos grechas
entre liñas
e aí queda agochado
ás veces
o que queriamos dicir

2

a vida sería insoportable
se o amor non soñase
de pronto
coa beleza
expresándose nun
sensentido

3

nada obriga ás pedras
a entenderen o sentido primeiro ou último
das cousas ás que sobreviven.

todo o seu entendemento
resúmese
no seu propio peso
e con el
permanentes
impactan na realidade
mutante
para lembrar
que o seu
é o tempo
do cosmos.

Haxa ou non
eternidade.