RECURSOS






1

no vento do meu corpo
abanean as pólas
dunha árbore de olladas
que nunca verifico
non vaia ser
que se desintegren
en pantallas
tridimensionais



2

o ar negro non lixa o meu nariz
a nube de contaminación
non me impide a visión

levo máscara antigás
levo gafas negras

vou polo universo
coma quen vai
polo camiño
de volta 
a casa



descrición somera:


a cheminea fumega
a vella pela patacas
o vello vén na gamela
vogando cara terra
coas nasas cheas de nécoras
e marallocas da pedra


vai frío 
e xa chego




3


bebín na fonte do insulto
para vivir de sede


auga redonda
verdinegra
fica inmóbil
no fondo do pozo






4


o día estumballado ao sol
observa o ar / peito de látex


os ollos non están de acordo

rectifican
o baleiro do vidro
no
papel de lixa