SEIXOS

1
non hai lembranza máis triste
que unha infancia lixada
por un veo negro
o veo da imposición pola cara bonita
e que aínda por riba che digan
que é un honor e
que aquí non pasa nada


2
as follas mortas
son inútiles
para confeccionar
vestidos de teas de araña
a exhibir
nas grandes pasarelas
que emerxen do lixo


3
a mentira afoga
en ondas de sombra
coidando estar a salvo
baixo o sol


cando a marea se retira
queda só o esquelete
do que puido ser e non foi
o sol petrifica os refugallos
e o tempo todo o reduce a area
para que os nenos
constrúan
castelos de aire


4
era tan eficiente
que chegou a multar as estrelas
que se pasaban de brillantes


5
baixaba as persianas
das ventás dos seus soños
antes de que o iluminasen


6
lanternas tatexantes
proxectan escuridades
intermitentes