NORDÉS

Sopla o vento do nordés
a noite é unha chuvia petrificada
de estrelas que non acaban
de caer

música de gatos
pérdese entre as dunas
ñam ña ra ñam
contra vento e marea
os acordes habitualmente enlatados
hoxe soan en tempo real
fóra das computadoras

concerto improvisado
sen máis megafonía
que a que trae o vento
iluminando cun farol
letras políglotas

xente nova construíndo o futuro
a partir do pasado
que sempre volve en espiral

trazo espirais na area
con fondo de tambores
as estrelas dan o seu adeus petrificado
como chuvia que non acaba de caer
comerciando co vento un só agónico

voces ceibes contrabandeando
ideas e xestos cómplices

vai  fresco no verán  do noroeste
hai peixes nas ondas translúcidas
antes de escacharen contra a area
e luras que acoden puntuais
á súa cita nocturna coas farolas
as pozas son espellos que se incrementan
coa marea
e o meu corazón
é un cántaro roto
abalando nun aceno recorrente
consciente de que unha vez máis
non haberá máis misión de rescate
que saír pitando
aproveitando as rachas favorables.