micrón 03


do que xace enterrado 
nas raíces máis profundas do meu corazón
aliméntase a árbore
dos meus desexos
para florecer
en lava
incandescente
que ninguén poderá nunca
trincar
nin poñer en valor
no mercado
das frustracións de deseño


micrón 02



sombra colorida






todo o mundo toma partido
nas xornadas de portas abertas
e ventás podridas

dáme unha pena terrible!


boli e papel



cando se mobiliza a calor do tráfico
dos calendarios en curso
nas longas avenidas da morte
o lume ancestral apágase
o que queda é cemento
boa noite
e feliz
labirinto


boli sobre papel de sobre amarelento
con certo horror vacui
sen por que



hoxe non me doe a cabeza



as nubes sen présa pacen
nos prados grises do céo
minúsculas letras caen
sobre os meus pensamentos
dis
                             per
S.O.S

despois da última estampida
dou
cunha cova ideal
sen ideas
onde acubillarme


outro día
pensarei en ti






micrón 01



acariñamos fraternalmente un longo adeus
e despois saudámolo
porque somos máis de calquera outro tempo
que de agora mesmo
antes de entrar en algo así
como un mareo amnésico



micrón 0



á luz da eternidade
as pulgas poden
pero non van





nunca choveu que non escampara




despois do temporal
decembro2011


tambores oceánicos

o rancor do xeo
vólvese xeada tenra
sobre os prados póstumos
das horas mortas
a posta
a forza de querelo

nas zonas de sombra
onde os raios non chegan
o sol de sede desértica
cae en picado
sobre as antenas dos tellados
da cidade anestesiada
en formol de tráfico

os calendarios
caen pulverizados
coa mesma paixón
con que a auga ferve
ata apagar o lume
que  mobiliza
a súa calor interna

non hai canto gregoriano
capaz de anular este espasmo
de vivir sen tregua
a golpe de tambores
cámbricos



papel de seda salvaxe

vente ventiño do mar







sicomoro
antes do temporal


festa rachada

NO PAÍS DO ESQUECEMENTO
todo o mundo está de festa
séntese a música dende lonxe
chegamos andando
metémonos polas extreitas rúas de pedra
en cada recuncho hai postos con comida e bebida gratis
os músicos andan por todos lados
tocando improvisacións
con instrumentos inimaxinables
todas as casas están abertas de portas e ventás
e dentro hai bailes tamén improvisados
que non obedecen a pauta ningunha
moito barullo corricadas
semella Hamelín xa sen ratas
e cos nenos perdidos de volta a casa
nun momento dado
separámonos
alguén me dá un fermoso vestido con moito voo
para que me vista elegantemente
é unha especie de sari con fondo branco tirando a verde estampado con microscópicas flores de todas as cores. Boto o fermoso tecido polos ombros e continúo deambulando con certa sensación de estrañamento e irrealidade ou presencia mítica virtual, anque estou cansa nada me doe.
Entro nun baile
alguén di que leva un tempo alí agardándome
lévame a unha biblioteca antiga onde dormen libros moi vellos
deles empezan a saír follas ricamente caligrafiadas a man e pintadas con prodixiosas miniaturas
son pequenos poemas moi fermosos e entenrecedores
síntome levada por unha corrente de sentimentos benéficos
ollo un momento por unha ventá
véxote vir acompañado por alguén que te observa amorosamente con entrega arrebatada
o meu acompañante invítame a beber e despois a bailar
así o facemos durante non sei canto tempo
acabamos abrazándonos fraternalmente antes de despedirnos
decido abandonar ese lugar inmediatamente
sei que se quedo máis tempo todo empezará a disiparse
baixo pola miña conta por un camiño entre a herba que beirea prados salferidos de medas amarelas e que me conduce á unha estrada subterránea debaixo da ponte de Rande.
Mentres me evado ti ficas no medio do rebumbio da festa, nun momento dado empezarás a buscarme para regresar  ao punto de partida porque che entrará algo así parecido a unha vertixe e cando te decatas que eu xa non estou nesa marabillosa danza amnésica eu estarei entrando en Teis pola vella vía de arriba e xa te terei esquecido para sempre.


reinterpretación







arames reconvertidos
en posibilidades
infinitas

no cárcere
do teu corazón
deserto
abro aramados con espiñas
incapaces
de reterme

eu son
a que non agarda
a que non tece

contra penélope e as arañeiras

o meu voo
é de ás 
de estrelas
que non brillan
máis que para si mesmas
no frío
ronsel
das constelacións 
invisibles

fronte ao mundo
 fronte a ti
eu son



bebidas frías para inverno boreal

( poema instantáneo)


a alma do VIÑO non  sei moi ben como é
supoño que depende de quen o beba
pero case sempre acaba en chocallada tabernaria
incapaz de terse


a alma da GASEOSA
é todo burbullas de gas.....azucrado.....de factoría
non mola


a alma do CAVA
esa é.....universal
bromista, fraternal e humanitaria
cústalle acadar o estatus de esperpento
ás veces conségueo


disque Baco morreu
pero é mentira
contra el nada pode 
o imperio cacacola
na colonia pepsi


a alma da AUGA abúrrese un pouco
se non hai nada que lle meta
ganas de farra


e a CERVEXA?
non ten alma
é todo pis
Os poetas cervexeiros
non fan máis que ir e vir 
ao WC
de camiño
vénlles o poema
fan poesía diurética
de auténtica pena


Se cadra para 
rir de verdade
a peito aberto
o mellor é pequenos grolos
do espírito do mundo
en doses controladas
sinestesicamente


lonxe dos zoos
obviando macacos
lonxe dos cables
acadar algo parecido
a un estado de amnesia terminal
que te proxecte no mellor 
de cada instante-pedra fosforescente
caracol sen cara
nin col



"a lentitude foi tal
que quedou inmóbil
nunha cadeira de rodas
costa abaixo
sen freos"
-pensamento disparándose-


Bukovski de novo

Entre os moitos defectos do señor Botella / Bebida
non é dos de menor envergadura (palabriña que estamos seguras adora)
o de considerar
que á final todas as mulleres volven
pois non
hai mulleres
que nacen
para non volver
nunca
claro que
quen pode afirmar algo seguro sobre o señor Botellón de Bar?
quen di as chorradas máis inxénuas que lin na miña vida
sobre as mulleres
é un tal Chinaski
a quen un día adicarei
un poemiña completo
cando cure do noxo
que me suscita
o encontro con semellante
personaxe
da literatura etílica.

Pensándoo só un pouco
tanto bukovski como chinasqui
son dous magníficos nomes
para poñerlle
a un can
sen dono
antes de que a rabia
o leve á eternidade
das pulgas
de quero e non podo
e que lle imos facer!

dietas 2

a agricultura intensiva
é tan depredadora como
as fábricas de carne
todo o que comes
vén da morte
as plantas coas raíces
devoran toda materia orgánica
en descomposición
os latifundios de cereais
secan ríos
as máquinas recolectoras
matan animais no seu andar mecánico

se te coidas puro
polo feito de ser vexetariano
é que estás cego e xordo
rendes culto
á ignorancia máis absoluta
sobre os mecanismos biolóxicos que regulan
o fráxil equilibrio da vida
negas evidencias

unha vaca
non vive da herba que rumia
o que alimenta a vaca
son as bacterias
que metabolizan a herba

o veganismo
é un culto enfermo
a non se sabe que

se cadra, sen sabelo
estás dándolle cancha
ao gran negocio alimentario
a costa da túa saúde
física e mental

sigue alimentándote só de froitas e verduras
e acabarás nalgún lugar innombrable
desexando comer a alguén polas pernas
aínda vivo.

o amor das árbores

as árbores aman o sol
o ar os paxaros residentes
o vento indiscreto
os camiños de terra
pero sobre todo
aman as nubes
imantadas de chuvia
para poder narrar
no silencio das raíces
como se loita
contra a sede
e o nada


xenebreiros

chachi






toda canta enerxía recargo rindo
boa falta me fai para chorar
así é que nada me debes
nada che debo
estamos en paz



mosaico





rastros da sede











retrato do amado





oooooooooooouuuuuuuggggghhhhhh!!!!!!



nariz nada grave

ollo ovo frixido
con pestanas tamén frixidas
de máis

beizos chourizo decadente, escuálido e mentireiro

queixo curado ao fume de cigarros

mans amadas e armadas de ondas de ola e adeus
mans algas retendo auga con ecuacións de sede

pelos puga tanto me ten

brazo de obra barata
grande similitude cos raxos do polbo oooooooo

pé pequeniño comequilómetros
taxímetro gratuíto
alado cos mostachos postizos 
arrebatados a un señor
un día de rebaixas



aí vou!

cap. 1

Un avión espía
sobrevoa a situación
subliñando os índices de probabilidade
menos significativos
e
cando dá co campo semántico das estrelas
non dá creto
hainas vermellas
amarelas
azuis
hainas xigantes
extintas
ananas
esquecedizas
reincidentes
irrecuperables
de atar
para dar e tomar


de súpeto
actívase unha luz vermella
nos aparellos de control
que vén a significar
' pola sombra'




cap2


fóra de coordenadas
amerizo nun océano
de estrelas afogadas no trebón


a pesca hoxe é de altura
e as formigas deploran
a luz botada a perder
de tanta farola escuálida




cap3


raño a cachola
para tentar entender
e só dou con palabras parásitos
vocablos con patas engruñadas
a chuchárenme o sangue mental


procedo a unha desparasitación
controlada
para non intoxicarme


abro o dicionario
quedou en branco


ben, agora podo empezar
a escribir de novo
o que me pete
en caída libre




no forro do cosmos






dietas 1





deduzo polo aspecto dos espectros
que as mapoulas azuis da área central
murcharon de vergoña allea
nos prados enfastiados do verán

vivir cansa
andar fatiga
durmir máis tempo do necesario
non é posible

nacemos hipotecados
a un horario programado
pola industria e a bioloxía

só nos queda
levemente esquecidos
soñar
no ciclo incesante
das estacións
que estamos vivos
milagrosamente
fóra dos guetos
no centro
dunha estampida
de búfalos
de cotidianeidade
perseguidos
por un tigre
pintado con trazos
de feroz 
espontaneidade


todo no seu sitio







lección de física que?







UAN: facer oídos xordos ás fórmulas do odio


CHU: volverse xordo e mudo aos inventos para a liberación da sandez sometida a regras


ZRI: incrementarlle un cero interno ás técnicas desactivadoras do espanto


FOR: Volverse incógnita a non ser despexada nas ecuacións do medo


FAIF: Mesturar os teoremas con cenoria relada


SIKS: Fumar un por un
con moito pormenor
os fíiiiiiiios transparentes
que tecen cada hora


SEFEN:  Con minuciosidade
vivir cada momento
como o que sempre é
a esfera facetada do agora


AICH: Non dicir nunca "nunca"
porque nunca se sabe


NOEN: Deducir das dietas recriminatorias
a grande tiranía
que cada quen
exerce sobre si mesmo


TEN: Ter sempre presente
que cando che din " euquérote"
só é ese momento.


adeus díselle aos mortos, e non lles chista nada.

mandalas





ladaíña sen por que

que os teus ollares múltiples e líquidos
enchan
nas longas beirarrúas
do meu canto
as pozas
onde acoden a beber
cans famélicos
os últimos rastros reincidentes

da lúa gorda
fuxida
polos canos
da estación
das                  follas                         mortas

agardo que haxa alguén




A letre desta canción non é nada do outro mundo
o espeluznante é a maneira en que está interpretada
o tempo agónico
que adquiren algunhas vogais
nesta voz
chea de ..... incertidumes


a primeira vez que a oín
foi nun documental
sobre os nenos que son adestrados
coa máxima naturalidade
no uso de armas
nos EEUU
como un pasatempo
caro de familias adiñeiradas
na norteamérica profunda


creo recordar
que chorei
por aqueles nenos
vestidos con chalecos antibalas
e coas orelliñas tapadas
con cascos
antirruído




eu, á súa idade,
aprendía pola miña conta
a facer masa
para empanadas
e a pintar
e a usar
a chave inglesa
e as ferramentas que había na casa
e a facerlle roupa
a miña boneca





barquiños








PAISAXE SONORA

un barómetro durmido
asegura o serán
óese un tren que pasa
pola vía de arriba
un bruído breve e verde
de pequenas aves transparentes
fura con lunares o ar
eu reteño o seu niño sonoro
na palma da miñas
mans redondas e baleiras
ladra sen gana un can de plastilina lila
moída
pasa un camión anano arrastrando como pode
a súa carga de desolación
un par de lamagueiros vellos
teclan o seu clic clic amarelo de follas secas
para facer unha última chamada local
un paporroibo colle o aparello acústico
e contesta pousado nun acivro cercano
o mar é un prato metálico
sacudido por un mínimo tremor
a humidade fai ecos silenciosos
en cada póla caída do sol
os liques dormen un soño esquecido
esmaltado en ouro vello
as pedras enchoupadas polo último trebón
exudan pequenas nubes visibles
só para os poros amplificados
o céo bota un berro laranxa.rosáceo
amortiguado polos claxons grises da estrada
cobregante e sen límites
podo ver o rosmar do humus fumegante
incubando a herba nova
miles de regatos minúsculos
labraron caneiros descoñecidos
non sei o que pensarán os insectos
ao respecto
pero as vellas raíces choran de alegría
por fin esta gasa máxica e familiar
me venda os ollos
para que poida abrilos cara adentro
e tan ao fondo
que me sinto
marabillosamente perdida
no túnel negro da noite
con todos os seus gatos traslúcidos
pechándome a porta
e sentando ao meu carón
para murmurarme moi baixo
os seus pensamentos
espidos




esquivouse un ollar





unha fonda tristura
de caída sen estrondo
cobre desde onte
as paredes 
do meu cuarto
desexaría
non ter sabido 
nunca
por que





ondas de negatividade
impactan nos máis lonxanos radares
do desespero
probo a  desconectalas
cos máxicos raios roubados da lúa
e coa tolería
das follas tolas por todas partes
a voaren en circos
propulsadas polos motores eólicos do vento
que anda a xogar con elas
facéndolles crer por un momento
que son ás vagabundas de paxaros
migratorios

con plumas do paraíso
desfago o meigallo
e a beleza volve xogar a agocharse
en cada poro perdido
do labirinto das ausencias
mentireiras
de
titiriteiros tráxicos





Julio Cortazar un diálogo interno

farolas



que un conxunto impreciso
de caracois de colores
deixen rastros de babas verdes
matizadas pola palidez da lúa
na beirarrúa deste momento
a abalar indeciso
ao sol líquido
de noitembro

ou

que toda a noite
a lúa xogue
ás agachadas
co vento

non impedirá
que se abran sucos no céo
para imprimir
as miñas pegadas dixitais
no firmamento

nin
que as nubes pinten
ideogramas brancos
no pano negro
da noite
con tinta
lunar

area por zonas

os meus dedos premen solpores
no oco onde debía
haber un ascensor
unha camisola rachada
marcha en picado
propulsada por un vento toleirón
a garrafa de aceite
prende lume con salitre
no suavizante antiarrugas do
telón de aceiro
unha cuadrícula
énchese
con ecuacións deformes
de masa informe
a control remoto

as pedras abren furados
cósmicos á erosión

todo serán é area
cunchas esmigalladas
iso é
guais ou non
o que vai quedar
de nós

hai que preparar as nasas
para a captura
de incógnitas
na negra desbandada
das estrelas

a lúa enche os escaparates
de falsas ilusións
en clave de disparate
choven expectativas
expectorantes
no muro
das grandes promocións
a zona euro
énchese de cravos
para apontoar
o cadaleito do céo

óense as marteladas da clausura
o sol enfermo marchou
quédannos os chuvascos
no fregadeiro
e os camións do lixo
e a destrución sistemática
a cámara lenta
de todo aquilo
polo que paga a pena
estar vivos
no mapa
da imbecivilización

parabéns a todo aquel que fai posible
coa súa inestimable colaboración
a feliz programación
moitos chutes de neón
aínda quedan
na reserva
da desolación

non esquezan acugular con detritus
os colectores adecuados
a cada momento da miseria

usen envases correctos
para cada ocasión
e
non perdan a oportunidade
de visitar
as nosas instalacións
de nada comprimida
á mínima expresión.

As rimas desta cotracomposición
poden vostedes tiralas ao excusado
non esquezan tirar da cadea
ata rompela,
sentirán ALIVIO INMEDIATO
e unha idea aproximada
de algo parecido á
liberación.

Óese un pitido

pintadas




mensaxe para os amantes do putiferio


a fonte do esquecemento

estou á beira dun río
obsevando como a miña imaxe
se desfai na corrente
desexando intimamente
que me leve
' o río discorre
en dirección contraria
ao mar

pasan follas
pasan peixes a flor de auga
e de súpeto
pasa unha árbore en pé
río arriba.
Non acredito.
Quero seguir esa árbore imposible.
Alguén me advirte que,
de facelo, chegarei
a unha fonte moi fría.
Ese lugar onde arden
sen corpo
os amoriños mortos antes de naceren.

Dou media volta
e alónxome a modo
pero sen pausa
desa corrente maléfica.
Madia leva!



afogando en seco

cando choven lanzas de punta

T.Roszak: Wave


lianas de desexo por todas partes
cursan por correo convencional
unha invitación
alguén di que non
e unha morea de anuncios publicitan
nada liofilizada
carece totalmente de interese
ese gusto desmedido polos cables de alta tensión
ningunha onda impactofará
nos circuitos centrais
dos minúsculos pavillóns
do meu oído interno dereito
sepulcro de detonacións
cada quen segue o seu corpo
como pode
ou
como a opacidade segue as naves
de popa e mar abaixo
decido aparcar a miña mente
nos subterráneos da zona residencial
custodiados por enormes ratas remasterizadas
con sangue de neón
desmentalizada e fóra dos planos do metal
debrúzome nunha decisión vertixinosa
comerei neve perpetua con limón
de beber por favor
un caldo de esquecemento
encrequenado na punta sombriza dunha emoción
imaxinaria
será emocionante
subir a empuñadura dunha sesta
armada de vaticinios e cunchas íntegras

amence ámbar contras as ameazas
da gris pera
cadeas de pétalos furtivos
amerizo en ourizos
pugas pinchos minutos mítins
desintegro co meu fío amazónico de ritmo negro de frío
eses desolados corazóns
montados na fame tipográfica
e na calderilla de bragas sintéticas
selva transparente eu
solsticio de nave vagabunda
auga errabunda na neve
sede errática

entre o deserto e a inundación
hai un río caudaloso de medidas desestimadas
ben recollidas nun moño con forma de pan
que sae disparado
nada de regras previas
todo agora e a cachón

sen quereres

amence gris
pois eu vou
verde saudade
de serraduras
en suspensión
descendo as escaleiras
e abro o día
co paraugas de vento
para absorver
todas as pozas do céo

isto non o sabe ninguén
nin eu tampouco
flor imposiblemente real


supoño que é inevitable
que se enteiren dunha vez por todas
as miñas botas incalculables
para algo as levo
pa que me narren
o inenarrable
máis alá dos pés por cento
dígoche reiteradamente
que hai unha auga imbebible
a auga imbobable

evidente, querido guatson

as mellores probas
son as que non se aportan
porque son evidentes
e caen
polo
seu
propio
peso
.
.
.
.
.
como as pedras!


traxe camuflaxe

la chispa de la vida

Un instante quedou petrificado
nun milagro.
O que lle quedaba  de vida
adicouse a negalo.

Nos rochedos da vellez
acabou esquecéndoo todo,                                                
formaba parte del.



botas maceta
in
imagenesfaleroni.blogspot.com




zume de ar


Alguén me dá un froito estraño moi maduro
Para que o beba
Como non teño licuadora a man
Esmágoo cunha culler e empeza a saír un zume espeso e pardo
No primeiro grolo vai toda a fibra
Éncheme a boca ata case esganar
Pégase a toda a cavidade bucal coma un tofi
Despois bebo o resto
Ao pouco síntome pletórica

Un neno brinca nos meus brazos
É aínda un bebé
Pero xa está hiperactivo

Mentres, unha nena
que naceu hai uns meses
pasa o tempo
pracidamente
a durmir


máscara




cachoeira



NO CAFÉ CENTRAL
Estou con S tomando un café
Ou se cadra calquera outra cousa
Falando disto e do outro
De canellóns sen saída
No canellón cemiterio
Dunha rúa urbana

Fóra o ámbito é hostil
Automóbiles e buses catatónicos
Xente apresada capturada
En redes de horarios dementes
Xente puntual

Ollo unha ventá
Que dá a unha parede
Ollo a parede que teño en fronte
E vexo xurdir un poderoso manancial
A auga cae 
a cachón
No máis absoluto
 silencio
De montañas 
frías
Dígollo a S
Que un manancial 
cae
 en fervenza
Do muro inhóspito 
da cafetería

S olla para min con cara de susto
Mentres 
eu 
bebo
Con avidez
Das augas limpas
 e xélidas
Que caen 
ao meu favor
dese 
estrondo 

sil

en

ci

o

s

o.



oniromancia


que ninguén me pregunte por que 

nin como nin onde nin cando.....
é como unha procesión silenciosa  
de súpeto aparecen os xitanos. 
Andan buscando alguén, 
queren matalo. 
Unha parella esguéirase por entre as rúas estreitas, 
chegan a unha praza agochada entre tapias  
péganse contra un muro, 
como se só as pedras lles puidesen brindar protección. 
As rúas son de lama. 
Vexo un pé calzado que pisa forte, 
a súa pegada deseña unha caveira. 
A medida que se alonxa 
da caveira nacen símbolos, 
dos símbolos agroman flores. 
As rúas quedan desertas e en silencio. 
Cae un sol de xustiza. 
As sombras trazan ángulos. 
Non haberá encontros satánicos. 
Alguén queda rosmando non sei que de que do dobre e do espanto. 

Non fago caso, son meigalladas incubadas na ignorancia e na debilidade dos asnos. O feito de que estea nun raro caló non impide que poida entendelo. 
A intención da voz é significativa, só busca a suxestión. 
Non necesito nin sequera tapar os oídos, 
abonda cunha tradución traidora e a mensaxe queda desmantelada. 
Regreso ao país das conxugacións indemnes. 
O día non traerá máis miseria da habitual nestes casos. 
Agardo non acostumarme endexamais a pronósticos 
recheos de ameazas e birra barata de rabia.




T. Roszak